Páginas

Animación á lectura

Revistas

Bibliotecas

Mochilas viaxeiras


CARTA ÁS FAMILIAS DA MOCHILA VIAXEIRA:


Benqueridas familias:

Cando abrimos un libro abrimos unha fiestra ao mundo, a moitos
mundos, porque grazas a el temos nas nosas mans a ocasión de viaxar, de ver, de coñecer, de aprender, de imaxinar, de vivir outras vidas, de comprender…

Durante a infancia, a familia é o principal referente en todos o
ámbitos, polo que debe selo tamén no exercicio da lectura.

         Esta “Mochila Viaxeira” é unha invitación para gozar dos libros en compañía, compartindo coa familia os sentimentos e as sensacións que vos producen as lecturas que vos propoñemos.

         Os materiais incluídos están pensados para que sexan do agrado de todos vós e confiamos en que poidamos conseguir os obxectivos para os que foi deseñada esta actividade:

  • Toma de conciencia da importancia que ten a familia no fomento da lectura.
  • Coñecer e valorar os diferentes tipos de lecturas: libros de ficción, informativos, revistas, etc.
  • Fomentar o hábito lector no alumnado do centro.

    Xunto coas lecturas escollidas, poderedes atopar o “Libro viaxeiro”. Trátase do libro (ou dunha adaptación) de narrativa que viaxa na mochila. Cada familia realizará unha manualidade, debuxo, colaxe,... da páxina do libro que lle corresponda, empregando os materiais que desexen. Ao final, teremos un precioso libro ilustrado e decorado polos nenos e por todos vós, e entrará a formar parte da colección da nosa biblioteca. Moito ánimo e esperamos que vos guste!!

Grazas pola vosa colaboración, convencidos de que o esforzo incidirá moi positivamente na educación dos vosos/as fillos/as.
O equipo
de biblioteca.