Proxectos


----------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------
Premendo na imaxe accederedes ao PDI que levaremos a cabo durante este curso.




PLAN TRABALLOBIBLIOTECA 2017/2018

Aquí atoparás os nosos grandes propósitos para este gran ano de traballo.


-------------------------------------------------------------

PROXECTO LECTOR 2016/2017
Preme na imaxen e atoparás o noso proxecto lector de centro.



------------------------------------------------------------

PDI CURSO 2015-2016: "CARA A EDUCACIÓN DOCUMENTAL: GALICIA ENTEIRA"

1. TÍTULO DO PROXECTO:
 “CARA A EDUCACIÓN DOCUMENTAL: GALICIA ENTEIRA”.
2. XUSTIFICACIÓN:
O presente proxecto ten coma finalidade que a biblioteca do noso centro se converta nun Centro de Documentación, Investigación e Descubrimento. Consideramos que os traballos por proxectos involucran ao alumnado en problemas reais (que poden ser tratados dende diferentes áreas), ofrecen oportunidades para que os estudantes leven a cabo investigacións que lle permitan aprender novos conceptos e dan lugar á colaboración entre o alumnado, o profesorado e outras persoas involucradas no mesmo.
Con este proxecto pretendemos conseguir:
-Respecto ao profesorado: Un cambio no enfoque metodolóxico, que nos permita traballar por competencias dunha maneira máis doada e de xeito interdisciplinar, a partir dun proxecto coordinado dende a biblioteca.
-Respecto ao alumnado: Conseguir persoas máis competentes e críticas no manexo da información, así como lectores competentes.
Cremos que a inclusión do currículo (neste caso de Ciencias Naturais e Sociais) dentro do Proxecto Documental Integrado do centro, a través dunha metodoloxía por proxectos, é unha forma dinámica, motivadora e actual de realizar a nosa práctica docente. Polo tanto, as nosas metas, durante este tempo, con respecto ao traballo na Biblioteca Escolar son:
·         Formar ao profesorado na informatización e dinamización da biblioteca escolar para desenvolver os traballos por proxectos.
·         Aprender a catalogar os libros e materiais existentes, a manexar un programa de xestión de bibliotecas (Meiga) e informatizar o préstamo (Equipo de Biblioteca).
·         Elaborar materiais para o fomento da lectura e da escritura.
·         Elaborar e difundir as normas de uso da Biblioteca Escolar, para mellorar o seu uso.
·         Integrar a nosa BE no currículo e na vida do noso centro para convertela nun espazo utilizado eficazmente por todos os membros da comunidade escolar, potenciando o seu uso.
·         Integrar as TIC na vida diaria da Biblioteca e por conseguinte, da practica educativa: Educación documental.

Neste sentido, deberán incrementarse os fondos e infraestruturas que melloren a nosa biblioteca, xa que un cambio metodolóxico implica un cambio na maneira de programar.
O modelo de biblioteca escolar que expomos, pódese definir coma “un novo lugar de aprendizaxe” onde se alberga unha colección organizada e centralizada de todos os materiais informativos que necesita o centro para desenvolver a súa tarefa docente, baixo a supervisión de persoal cualificado, e cuxas actividades se integran plenamente nos procesos pedagóxicos do propio centro, estando incluídos polo tanto no PE, no PCC en na PXA.
3. OBXECTIVOS:
-Conseguir que a biblioteca do centro convértase nun Centro de Documentación, Información e Promoción da lectura e a escritura; nun ambiente de traballo e lecer simultáneo.
-Reducir o oco que existe entre as tarefas escolares e a vida cotiá.
-Desenvolver no alumnado  capacidades de busca de información para resolver problemas e construír o seu propio coñecemento.
-Empregar e integrar as TIC na cotianeidade do traballo de aula.
-Desenvolver no alumnado a capacidade de ler calquera tipo de información en calquera tipo de soporte: alfabetizacións múltiples.
-Proporcionar ao alumnado os medios para “Aprender a aprender” coa fin de fomentar o pensamento crítico.
-Desenvolver modelos de actuación que compensen as desigualdades de acceso á información e os recursos (alumnado e familias).
-Promover estratexias de avaliación que permitan  facer un seguimento interno-externo do proxecto: metavaliación.
4. TIPO DE ORGANIZACIÓN E FUNCIONAMENTO PREVISTO:
         
  Somos conscientes que o proxecto que desexamos levar a cabo durante este curso académico é moi ambicioso, xa que implica, por unha banda, a tódolos niveis educativos do centro e, por outra, un cambio radical na metodoloxía. O proxecto “A pola educación documental: Galicia enteira” abarca as áreas de Ciencias Naturais e Sociais en toda a educación primaria e o bloque “Coñecemento do entorno” en educación infantil. Prescindirase parcialmente de libros de texto para estas áreas, deste xeito, poderemos desenvolver o proxecto seguindo as directrices marcadas pola biblioteca e baseándonos nos seguintes piares (Plan LIA):
  1. Investigación.
  2. Tratamento da información e organización.
  3. Creación.
  4. Extracción de conclusións e avaliación.
Tres son os bloques escollidos para traballar ao longo do curso académico:
-       ORGANIZACIÓN TERRITORIAL.
-       SECTORES PRODUTIVOS.
-       ARTE E CULTURA.
-       O NOSO PASADO.
-       FLORA E FAUNA.
-       RELEVO E PAISAXE.

1ª FASE:
Reunión da CCP: decidiranse cales son os obxectivos específicos  e os contidos a traballar en cada un dos bloques de cada trimestre. Reuniranse cada 15 días.
2ª FASE:
Reunión da dinamizadora da biblioteca: a persoa encargada da biblioteca, cada día da semana, reunirase cunha das mestras que impartirán as Ciencias Naturais e Sociais na Primaria e cunha mestra de educación infantil, para elaborar e organizar as tarefas de cada bloque. Ademais, será a encargada de difundir no blog da biblioteca, e nos demais espazos pertinentes, as informacións acordadas en cada reunión, así como os produtos ou resultados finais, en colaboración coa coordinadora do Equipo de TIC.
3ª FASE:
Posta en práctica nas aulas das tarefas deseñadas, por parte de cada titora ou mestra encargada da materia.



-------------------------------------------------------------


PDI CURSO 2014-2015: "ÁLVAREZ A TRAVÉS DOS LENTES DA ESCOLA"



Durante o presente curso académico, o noso centro vai desenvolver un PDI (Proxecto Documental Integrado) que involucrará a tódolos niveis de ensinanza do mesmo, e que funcionará como fío condutor da adquisición de aprendizaxes globalizadas e significativas, así como das competencias básicas. O noso proxecto leva por nome “ÁLVAREZ A TRAVÉS DOS LENTES DA ESCOLA”.

Debido á localización xeográfica do centro (zona de Cabral) e aos acontecementos sociais que se produciron nos últimos anos na zoa (por mor do peche da Fábrica de Álvarez) o claustro decidiu levar a cabo un proxecto no que se reflectira a realidade social que se viviu nas últimas décadas na contorna. Somos coñecedores de que na meirande parte das familias dos nenos da nosa escola, existen pais ou nais, avós ou avoas, o algún familiar ou coñecido que viviu en primeira persoa todos eses acontecementos relacionados coa creación, esplendor e decadencia da fábrica. Esta non so foi un lugar de traballo máis, senón que se converteu nun eixe fundamental da vida de Cabral e de todos os seus habitantes. Queremos votar man destas experiencias vitais para desenvolver o noso proxecto, achegando así ao alumnado a historia do seu pobo e da súa familia, en definitiva, a súa propia historia. Este proxecto levarase a cabo durante todo o curso académico, coa participación de todos os niveis do centro, e por suposto, das familias. Estruturámolo en tres grandes bloques de contidos que se fan corresponder con cada un dos tres trimestres. Así, deste xeito, desenvolveremos:


PRIMEIRO TRIMESTRE: INVESTIGACIÓN
TÍTULO DA ACTIVIDADE
TEMPORALIZACIÓN
ACTIVIDADES
OBXECTIVO
TALLER DE OLEIROS
Primeira semana de outubro.
Taller onde un oleiro elaborará pezas nun torno. O alumnado poderá elaborar cada un a súa peza.
Unha vez cocidas, farase unha exposición cos traballos realizados.
Actividade motivadora e introdutoria.
ADIVIÑA QUE É…
Segunda, terceira e cuarta semana de outubro.
Exporase un mural con fotos antigas e recentes da fábrica. O alumnado deberá escribir, de forma voluntaria, se recoñece as fotografías ou no que nelas se reflexa.
Indagar sobre os coñecementos previos dos alumnos e motivar.
Traballar a investigación.
ONDE ESTÁ?
Novembro e decembro.
Elaboración dunha maqueta sobre o plano da fábrica e a zoa.
Investigación no Street View da localización da fábrica respecto o colexio e outros puntos coñecidos polos nenos.
Localización da fábrica na contorna para outorgarlle unha maior proximidade ao proxecto.
QUEN A CONSTRUIU?
Novembro e decembro
Elaboración de murais de tamaño A4, no que se reflectirán as fases que viviu a fábrica: construción, apoxeo, declive e peche.
Realizarase nas clases de Ed. Plástica e empregaranse distintas técnicas e materiais.
Establecer unha liña temporal dos momentos diferentes polos que pasou a fábrica.

SEGUNDO TRIMESTRE: DESENVOLVEMENTO DO PROXECTO
TÍTULO DA ACTIVIDADE
TEMPORALIZACIÓN
ACTIVIDADES
OBXECTIVO
CONSTRUIMOS O LOGOTIPO DE SANTA MARIÑA!
Xaneiro
Investigamos que é un logotipo.
Ideamos e votamos o logotipo do cole.
Creamos o logotipo do cole.
Fomentar a investigación e a curiosidade.
Desenvolver a imaxinación.
Traballar distintas técnicas plásticas.
Outorgarlle importancia ao traballo en equipo como fonte de enriquecemento persoal.
EXPOSICIÓN DE PEZAS DE ÁLVAREZ
Febreiro
Pediráselle colaboración a todas as familias, para que aporten pezas da fábrica de Álvarez e así facer unha exposición.
Resolución de dúbidas e investigación das preguntas que xurdan debido á exposición.
Fomentar o diálogo e o traballo escola-familia.
Valorar a importancia da fábrica nas familias e na contorna.
Fomentar a investigación.
CREAMOS ARTE…
Febreiro e marzo.
Deseño e elaboración individual en cartolina, de pezas que se fabricaban na fábrica.
Desenvolvemento da creatividade.
Fomento do gusto estético.
Coñecemento e emprego de distintas técnicas plásticas.

TERCEIRO TRIMESTRE: EXTRACCIÓN DE CONCLUSIÓNS
TÍTULO DA ACTIVIDADE
TEMPORALIZACIÓN
ACTIVIDADES
OBXECTIVO
COÑECEMOS OS OFICIOS…
17 de Maio, celebración do Día das Letras Galegas.
Realizaranse distintas charlas, nas que familiares dos alumnos, exporán a súa experiencia, os seus sentimentos, e sobre todo, unha visión familiar e directa.
Traballarase nas distintas áreas (Coñecemento, Linguas Galega, Castelá e Inglesa,…) termos relacionados coas profesións e materiais que empregaban os relatores.
Achegar ao alumnado a historia familiar e da contorna.
Valorar o papel da familia na educación.
Aprender a escoitar e a aprender das experiencias dos máis maiores.
MULTITALLERES
Derradeira semana de maio.
Realizaranse diversos talleres ao aire libre con pasta de modelar, onde os nenos desenvolverán a creatividade e a imaxinación.
Aplicar os coñecementos adquiridos ao longo do curso, na creación dunha peza única.
QUE APRENDICHES…?
Xuño
Colgarase un mural co título: Que aprendiches sobre a fábrica Álvarez?, no que os nenos de forma voluntaria, escribirán palabras, frases, textos, debuxarán,… cousas relacionadas coa aprendizaxe que se desenvolveu ao longo do curso.
Desenvolver a capacidade de extracción de conclusións.





VIAXE FIN DE CURSO
Derradeira semana de xuño.
Realizaremos unha saída ao Museo Quiñones de León, no que existe unha pequena mostra de pezas elaboradas en Álvarez.
Fomentar as visitas a museos e exposicións.
Gozar da compaña dos demáis.

Como actividade motivadora, colocamos un gran mural nun dos muros do patio. Este mural tiña algo moi especial: só había algunhas fotografías (antigas e actuais) da fábrica e un gran título que dicía "Adiviña o que é...". Trátase dun mural vivo, onde os nenos de maneira individual e espontánea ou traballando conxuntamente na clase, escribían o que as fotos lle transmitían: se coñecían o lugar, que era, que facía,... Como resultado obtivemos un gran mural do que puidemos extraer os coñecemento previos do alumnado.




A continuación, o claustro e o alumnado, realizamos unha labor de busca de información en libros antigos, na web, falando con familiares e amigos que traballaron na Fábrica de Álvarez,... conseguindo realizar unha cronoloxía do nacemento e decadencia de Álvarez.

HISTORIA DA FÁBRICA DE ÁLVAREZ: EXPLENDOR E DECADENCIA
1917
Manuel Álvarez, natural de Ourense, emigra a Sudamérica onde coñece a Clara O´Farril, cubana coa que contrae matrimonio. Viaxa a Vigo cinco anos máis tarde para comezar co negocio.
1922
Nace no barrio vigués de Casablanca a sociedade Álvarez y Rey S.L., promovida por Manuel Álvarez, Manuel Rey e Moisés Álvarez, adicada á fabricación de artigos de decoración.
1927
Desfáise a sociedade e nace Manuel Álvarez e Hijos (MAHSA).
O que converterá esta pequena empresa no primeiro grupo cerámico de España será o seu fillo, Moisés Álvarez O´Farril. Nacido en Cuba e enviado a Alemaña para formarse.
1938
Manuel Álvarez comprou os terreos en Cabral (“ao lado da vía do tranvía”) para trasladar a industria e ampliar as instalacións.
1941
Comeza a actividade en Cabral coas fábricas de Sta. Clara (nome que fai referencia a súa esposa cubana e á localidade na que se asentara en Cuba)  dedicada á fabricación de porcelana e Vanosa dedicada á fabricación de vidro. Isto supón unha revolución social e económica para os veciños de Cabral e Lavadores.
1948
Constrúense as fábricas Royal China dedicada a fabricar vitrocerámicas e Casablanca. Moisés Álvarez moderniza as instalacións.
1958
O grupo ten 21 establecementos por toda España.
1961
Inaugúrase a fábrica Alfares de PonteSampaio (Pontesa) dedicada a elaboración de louza. Unha das fábricas máis modernas do momento: completamente electrificada e automatización do proceso industrial.
1962
Época de maior bonanza: máis de 5000 empregados.
1963
O grupo ten 34 establecementos por toda España.
1964
Inaugúrase a fábrica de calcomanías cerámicas Povisa en Vigo.
1968
Inaugúrase Vanosa dedicada á fabricación de cristal.



1969
Inaugúrase Moahsa dedicada á elaboración de louza para hostalaría en Coruxo.
1970
Comeza a crise debido á crise do réxime franquista (cos que tiñan moi boa relación) e a do petróleo. A empresa vai perdendo competitividade.
1975
Falece Moisés Álvarez e GEA queda en mans dos seus fillos Manuel e Antonio que levaron a empresa a ruína.
1976
O Instituto Nacional de Industria (INI) faise cargo de GEA.
1989
A cifra de desempregados baixa ata 1718 persoas, desfacéndose de xente moi cualificada e experimentada.
1990
O INI fixa importantes inversións de innovación tecnolóxica e unha redución do persoal, mediante xubilacións e baixas anticipadas. So quedan 1025 obreiros.
Meses despois o INI anuncia a privatización de GEA e véndea ao holding valenciano Estudesa.
1991
Os traballadores levan a cabo duras protestas contra os plans de venta do INI. Foron á folga e incluso pararon o tráfico aéreo en Peinador.
Véndese o 90% de GEA por 100 millóns de pesetas.
Prodúcense regulacións temporais, de persoal, prexubilacións, problemas de pago, mobilizacións laborais,…
1994
A Xunta intervén e arbitra a situación.
1996
O financeiro valenciano Enrique Tatay compra a empresa por 203 millóns de pesetas.
1997
O grupo cerámico declárase en suspensión de pagos.
A empresa é vendida por 700 millóns de pesetas á familia Pérez Manglano.
1997-2000
As administracións autonómicas e centrais comprométense a reflotar a empresa e realizan inversións e unha nova redución da plantilla (1998 so quedan 800 obreiros).
Finais do 2000, prodúcese o impago de salarios.
2001
Os sindicatos constitúen unha Sociedade Anónima Laboral (SAL) por se non houbese ningún empresario interesado na empresa.
Uns 300 traballadores constitúen a SAL Alfares de Santa Clara.
En xullo Fenosa corta a luz por falta de pagos.
En outubro a Xustiza aproba a rescisión de 670 contratos de traballo, quedándose oficialmente sen traballadores. A metade únese a SAL.
Prodúcese o peche definitivo entre as loitas internas dos traballadores e moitos deles sen cobrar as indemnizacións.

A partir do 2002
A Xustiza fai propietarios dos solares de Moahsa, Pontesa e Sta. Clara a os ex traballadores de GEA. A idea era vender os terreos a varias construtoras para levantar edificios e centros comerciais e pagar as indemnizacións.
Intentouse redactar para Cabral un Plan Especial de Reforma Interior para recalificar o terreo converténdoo en residencial.
Actualmente
Vanosa é propiedade de varias construtoras que pagaron polos 40400 metros cadrados de chan industrial na rúa Ramón Nieto, 12,6 millóns de euros.
Estas construtoras tamén posúen a meirande parte dos terreos de GEA en Cabral e a parcela de Moahsa en Coruxo.
Prevense recalificar o chan como urbanizable e construír 1400 vivendas. Na área de Sta. Clara, proxéctase construír 330 vivendas.
Estas construtoras pagarán sobre o 30 ou 40% dos salarios pendentes de cobrar.


A partir da información recollida, o Equipo de Biblioteca realizou unha presentación Power Point axeitada á idade e obxectivos marcado ao comezo. Deste xeito, sería moita máis doado traballar nas aulas e motivar ao alumnado co noso proxecto.






A seguinte actividade motivadora que realizamos, foi a visita dun oleiro ao noso centro. Fixéronse pequenos talleres por curso dende Infantil ata 6º de Primaria, onde os nen@s observaron como se fai unha peza de barro e despois deron renda solta á súa imaxinación, elaborando eles mesmos pequenas peciñas.






Días despois, colocamos nun corredor un mural co título "Adiviña o que é...". Nel deixamos fotografías actuacis da fábrica de Álvarez e o noso obxectivo era fomentar a curiosidade e saber cales eran os coñecementos previos do noso alumnado sobre Álvarez e a súa contorna. Queríamos que fose un mural vivo, onde os nenos deixaran por escrito ou en pequenos debuxos todo aquilo que as fotografías lles dicían. O resultado foi francamente interesante, senón, mirádeo...


Aproveitando o Entroido, decidimos revitalizar o proxecto entre o alumnado, polo que fixemos unha xuntanza no ximnasio do cole onde todos (mestres e alumnos) íamos cunha camiseta coas iniciais da fábrica: GEA, coma se fósemos os propios empregados. Para darlle unha pizca de humor, todos podíamos levar un detalliño divertido na cabeza. Un representante de cada clase tivo que darnos algúns datos sobre todo o que levamos aprendido sobre a historia de Álvarez, para despois pegalo nuns murais. Pero para chegar ata o mural, os nen@s tiñan que pasar unhas probiñas... E rematamos a reunión co baile "Soy una taza, una tetera".

Ao rematar a xuntanza no ximnasio, todos os nenos fixeron unha exposición duns pratos creados por eles mesmos e a súa familia, como se foran os propios fileteadores de Álvarez.